Páxinas

mércores, 28 de maio de 2014

Personalizando uns vaqueiros

A L. tiña uns vaqueiros curtos do ano pasado que apenas lle entraban, pero gustábanlle tanto que non deixaba de poñelos aínda que lle deixasen marcados os botóns da "goma-ojal" que levan por dentro... así que fun buscarlle uns novos.

O problema máis grande era que ela queríaos "iguais". De estrelas. Ata atopei uns de estrelas, pero eran tan sumamente curtos que non tiña claro que lle durasen todo o verán, así que propúxenlle quedar cun dos pantalóns lisos, que eran máis amplos, e estamparlles nós as estrelas. E dixo que si.

Eu pretendía tomar as cousas con calma, pero ela quería facelo XA. Así que ocorréuseme buscar nunhas formas precortadas de goma eva que viñan nun set de manualidades, pero non había estrelas. Pero ó ver as formas decidiu que lle gustaban máis as bolboretas, e que ademáis quería facelas en rosa e branco. Pedímoslle ó Moucho uns tacos de madeira, pegámolas coa pistola de pegamento quente e nun ratiño xa estampara ela todas as bolboretas que quixo.

12052014-IMG_9205
12052014-IMG_9201
14052014-IMG_9338

Non tería sido a miña elección: nin as bolboretas, nin as dúas cores, nin o rosa, nin a distribución,... pero fíxoos ela e quedou encantada, dixo que lle gustaban máis ca os das estrelas e non deixou de poñelos dende entón, así que son un éxito.

luns, 26 de maio de 2014

O cebolallo

Estábame lembrando dun rapaz... creo que podo falar del aquí porque non o coñecín en persoa nin sei como se chama, foi Carolina a que me falara del, e sei que fora compañeiro de piso dalguén,... pero tanto ten, case mellor así. O caso é que o rapaz era un pouco, chamémoslle, singular.
Supoño que ninguén se encargara de aprenderlle cousas básicas da casa e facía cousas como preguntar de cando era a auga da fregona, en lugar de mirar se estaba limpa ou suxa e actuar en consecuencia; ou como poner lavadoras por cores, pero non roupa branca e roupa de cor, senón roupa vermella, roupa azul, roupa amarela,... e obviamente non conseguía poñer lavadoras completas co gasto que supuña; pero lembreime del porque unha vez seica foi ó salón cun allo e cunha cebola na outra e preguntou: "cal é o allo e cal é a cebola?". Como pode alguén non saber diferenciar unha cebola dun allo?

Pois hoxe lembreime del porque fun facer unha ensalada e collín da neveira unha cebola moi noviña, parecía unha ceboleta máis ben. E cando probo o primeiro pedaciño dunha das súas capas dígolle ó Moucho:
- Esta cebola sabe a allo.
- Collíchela da neveira? É que é un allo.
- Non é un allo, que era toda branquiña sen dentes e ata ten capas coma unha cebola.
- É un allo que mo deu onte miña nai. De verdade. Que si. Que me dixo "colle ese allo se queres e lévao" e eu díxenlle "isto é unha cebola" e díxome "non, é un allo". E tróuxeno e púxeno na neveira.
- Pois será un cebolallo, porque por fora parece unha cebola e logo sabe a allo.

Eu crin que me estaba a tomar o pelo, como fai sempre, que ata logo dun pouco nunca sabes se é unha broma ou está a dicir a verdade, pero seica si, aquelo era un allo.

Así que como pode alguén confundir unha cebola cun allo? Pois así, cun allo tenro sen pelica na neveira.

cebolallo

cebolallo 3

Unha vez na dúbida fíxaste e efectivamente ves que aquelo é un allo, pero non me digades que non pasaba por cebola, o cebolallo este... 

cebolallo 2

O que ten non ser de campo... para aprender a non rirse de ninguén.

luns, 19 de maio de 2014

Pantalóns de atletismo

Fixen dous pares de pantalóns de atletismo, cos laterais redondeados e con bies. Son curtiños como lle gusstan á Z. e cómodos aínda que non sexan de punto. Estes foron o segundo par en realidade, fíxenos máis curtos que os primeiros e cun retallo de tea vaqueira que me dera unha amiga da miña avoa. Polo demáis non teñen moita ciencia, bies todo ó redor e a cinturilla sinxela tamén.

pantalóns de atletismo
pantalóns de atletismo 2
pantalóns de atletismo 3

Dos primeiros non hai foto pero está a poñer moito os dous, así que aínda farei algún máis e a ver se consigo facerlles fotos.


E cambiando de tema, estou un pouco frustrada co blogue. Escollín unha plantilla básica para que funcionase ben e resulta que non fai máis ca dar fallos: quitei o borde sombreado ese que traen as fotos por defecto, no ordenador non o vexo, pero na tablet segue a aparecer, na tablet ademáis as fotos non saen centradas, e Aivou di que no seu pequeniño non cabe na pantalla porque é moito máis ancho (e que non ve a letra, fíxena un pelín máis grande ;) ), non podo poñer o código html das fotos directamente no editor, teño que escribilo na pantalla de html... está a resultar desmoralizante e así non dá ganas de facer máis melloras. Non sei onde acabará isto...

martes, 13 de maio de 2014

Fixen unhas bragas!

A verdade, nunca pensei que chegaría a tal cousa, pero si, pasou. A Z. necesitaba roupa interior e pensei copiar estas braguiñas que lle eran moi cómodas e non sabiamos de onde eran. Peeeeeero entón aparecéuseme no camiño coma por arte de maxia este patrón de balde para reutilizar camisolas vellas e alá fun.

braguiñas

Reducino ó 80% á hora de imprimir o patrón para sacar un talle 8 anos, pero houbo un fallo principal a causa da emoción: pensaba utilizar un resto de tea de facer as camisolas e ó ver o tutorial con camisolas vellas cambiei de idea e usei a parte dianteira da camisola vermella que utilizara para esta camisola da L. Como resultado, ó non ter nada de elasticidade a tea, quédalle demasiado xusta, perfeta para a L. 

Non me gusta como queda a goma nas pernas porque ó cosela tanto perde case toda a elasticidade e queda moi tesa. Supoño que o foe quedaría mellor...

E non fixen máis pero xa merquei porque estabamos moi necesitadas... non sempre se pode, que lle imos facer.


xoves, 8 de maio de 2014

Onde a felicidade me pilla por sorpresa

Ás veces decátome do pouco que sei de min mesma, ou do sinxelo que resulta xulgar, aínda que sexa a nós mesmos, e o máis doado aínda que é errar.

Eu sempre quixen ter fill@s, e sabía que era unha cousa que me faría feliz, o simple feito de ser nai, de ver ós meus humáns pequenos, pero nunca imaxinei que podería atopar a felicidade en dous pratos baleiros dunha comida que hai poucas semanas nin probaban. Non falo da teoría, de só dicir que me pon contenta, é a sensación, nese mesmo momento, de alivio, de soltar lastre, de tranquilidade, a sorpresa de atopar aquí felicidade (e nunca me preocupou que remataran a comida, non se trata diso, pero é esgotador que só haxa catro cousas que lles gusten a cada unha e por riba nin sequera coincidan.)

04052014-IMG_9000

Ou a chegada da primavera, a (seguro que case) tod@s, nos fai feliz un día de sol logo de meses e meses de choiva. Non nos pilla por sorpresa un sorriso pola mañá ó ver o ceo despexado, pero NUNCA se me pasara pola cabeza que ía estar feliz no preciso momento en que tocase a roupa tendida ó sol só unhas horas antes e comprobase que xa estaba seca. É a sensación dese preciso instante, se pecho os ollos e o lembro podo sentir como ese puño que tiña apretado sen me decatar e de súpeto se relaxa, coñecedes esa sensación?

04052014-IMG_9010

Ou a sorpresa dunha merenda de chocolate con churros feitos polo Moucho un domingo pola tarde, mentres o B dorme e as nenas xogan cunha amiga no salón, todos xuntos pero os dous na cociña, man a man, tomándoo con tranquilidade, non de pé para que o bebé alpinista que non para de subirse ás mesas tire todo, nin erguéndose catro veces para recoller cousas que caen ou cousas que faltan,... Sentados. Tranquilos. Dende o principio ata a fin do chocolate e cos cachorros pretiño. Mmmmm.

04052014-IMG_9023

Gústame que me sorprenda a felicidade en cousas que aprecio, precisamente, por ser escasas.

mércores, 7 de maio de 2014

O que teño na cabeza

Gústame ver como medra o pelo. Non me refiro a mirar para el a ver se o vexo aumentar nun momento, eh? :P Refírome a cando o corto. Gústame como vai cambiando e convertíndose noutro peiteado diferente, pero sempre hai un momento no que estou indecisa entre volver coller a peladora na man ou deixalo medrar, a ver que pasa. Nunca se sabe o que pode pasar, ás veces dáme o arrebato e outras consigo vencelo e logo simplemente o tempo vai pasando... estou pensando que é a mesma sensación que con outros impulsos, por exemplo á hora de mercar algo, cando sinto que TEÑO que mercalo xa, e se non o merco logo deixa de ser necesario...

Estou nese momento, e non sei o que vai pasar, pero sei que na última semana houbo cinco persoas que me dixeron que cambiara de peiteado, e a verdade é que é certo, nótoo, pasou de ser borroka a anime (non sei se polo tamaño desmesurado das patillas ou das orellas), ata semella que me sairan rizos e agora mesmo vese... non sei, raro?

PELO4

PELO2

PELO1

Unha das consecuencias de querer facer de perruqueira na casa e non ter nin idea é que van pasando cousas que non sabes como amañar, e menos na túa cabeza, que xa é difícil cortar o pelo coas mans cara arriba, sen gafas e sen ver a maior parte da zona onde está o pelo,... pero tamén pasa que se non tés claro o que queres pensas que o que che vaia facer outra persoa non che vai gustar, así que é posible que se desta vez o cabelo segue medrando sexa porque non tiña nin idea de que facer con el.

Ás veces cando vexo unha melena loooooonga gústame e apetéceme tela, pero se consigo deixalo medrar un pouco, en canto noto que me cae a puñados, que se me enrolla polo corpo mentres me ducho, ou que teño que dar xabón en catro fases, xa non aguanto máis, non teño paciencia.

Gústame cambiar o pelo, pero conforme vai pasando o tempo creo que me vou restrinxindo máis: xa non o tingo porque non quero agochar as miñas canas, e cando o corto tiro para os mesmos estilos... a vós tamén vos pasa? Ou sodes desas persoas que aguantades toda a vida co mesmo corte de pelo?

Eu confésoo, son incapaz.

PELO3

NOTA: Outro día igual podía ducharme, poñer unha roupa que non sexa a de andar por casa, cambiar o obxectivo, poñer a cámara no trípode, cambiarlle a pila ó remoto e facer unhas fotos ben feitas, non trepidadas, nin desenfocadas... pero é o que hai, así que vai ter que valer.

NOTA2: Ostras! Agora que me vexo creo que empeza a parecer que teño os anos que teño :P