Páxinas

martes, 29 de abril de 2014

Vexo, vexo...

O outro día Yolanda de Pandielleando puxo no blogue un xoguete que fixo para regalar. Eu tíña o enlace de Homemade by Jill gardado con intención de facelo hai séculos, pero cando o descubrín a primeira vez e busquei as perliñas que viñan na versión orixinal non atopei nada parecido que me convencera. O outro día ó ver o de Yolanda saín á busca de inspiración, dixen: "Veña! Abre un pouco máis a mente! Non pode ser que non haxa nada por que sustituilo!"

Non atopei as boliñas de porespán que usou ela, nin as perliñas esas, estiven a piques de mercar unha area de cores para prantas e contívenme xusto a tempo: "vas mercar area? De verdade?" Entón ocorréuseme que podía usar as miniboliñas de porespán que veñen nos bonecos e coxíns eses de licra, tipo relax, pero lembro unha vez que a Z era pequena e cortou un deses bonecos, o pesadelo que eran as boliñas para recollelas: cargábanse de electricidade estática e pegábanse a todo! Vinme intentando metelas por un burato de tea e pensei que igual se me ocorría algún outro sustituto co que non toleara.

Xa xuntara cousas pola casa todo o día, e entón veume a iluminación: arroz!

vexo vexo diante

É prácticamente igual que as perliñas de plástico do tutorial de Homemade by Jill. Seguramente cunha consistencia e un peso semellantes. Usei o plástico dun paquete de sabas para a fiestra, posto dobre, que non me parecía moi resistente, por se acaso. No primeiro saquiño fixen a fiestra máis pequena que no orixinal porque me pareceu que así tería algo máis de aquel, se non atoparíase todo moi axiña, logo pensei que podía facer a fiestra aínda máis pequena para aumentar o grao de dificultade, e nótase, eh? A primeira ten 8 cm e a segunda 5.

Usei algo máis dun kilo de arroz para as dúas bolsas, que teñen algo menos de 18 cm de lado, na segunda ademáis fixen un pespunte todo ó redor para reforzala e para que non se notase o peche da abertura por onde metín o arroz e as sorpresas.

Forrei a foto (44 cousas cada bolsa!) con forro de pegar e agora falta que as vaian tachando cun rotulador de pizarra, póñovos as fotos por se axuda a buscar ideas, a maioría son contas deses xogos de facer pulseiras e colares e logo outras cousas pequenas, os animaliños metálicos merqueinos para que non fosen tantas cousas irrecoñecibles, pero son tamén de facer bisutería.

vexo vexo 1

vexo vexo 2

vexo, vexo atrás

Só lles vexo dous fallos: as teas que escollemos non son as máis axeitadas para sobetear nelas, vanse poñer asquerosas en nada de tempo, así que se o facedes corrixide iso nas vosas versións; e dous, non se poden lavar, e o luns, antes de que puideran atopar sequera todas as sorpresas o B. colleu un dos saquiños e meteuno nun balde con auga que non sei de onde saiu :(. Pero démoslle uso á secadora e parece que todo saiu ben... agardo que non abrolle o arroz! E... toco madeira para que o plástico non rompa se imos no coche, glups!

Ás veces non hai como propoñerse algo en serio, na fin de semana quedaron rematadas de principio a fin. E como tivo éxito xa vou xuntando para facer algunha para agasallar nalgún cumpreanos.


3 comentarios:

  1. Chulísimos! eu tamén lle teño moitas ganas a este xogo..téñoo visto ata con lentellas! pero dame medo que co tempo poidan apodrecer...encántame o nome que lle puxeches e os distintos niveis de dificultade!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. pois se apodrecen co tempo baléiranse e faise outro, non? Creo ademáis que sen poder lavalos a tea vai facer que non duren para sempre de calquera xeito...

      Eliminar
    2. Por certo, o nome é o que teñen, en inglés chámanlles I spy porque o "I spy" é o noso vexo vexo.
      I spy, with my little eye, something... blue!"

      Eliminar

E ti que dis?