Páxinas

martes, 29 de abril de 2014

Vexo, vexo...

O outro día Yolanda de Pandielleando puxo no blogue un xoguete que fixo para regalar. Eu tíña o enlace de Homemade by Jill gardado con intención de facelo hai séculos, pero cando o descubrín a primeira vez e busquei as perliñas que viñan na versión orixinal non atopei nada parecido que me convencera. O outro día ó ver o de Yolanda saín á busca de inspiración, dixen: "Veña! Abre un pouco máis a mente! Non pode ser que non haxa nada por que sustituilo!"

Non atopei as boliñas de porespán que usou ela, nin as perliñas esas, estiven a piques de mercar unha area de cores para prantas e contívenme xusto a tempo: "vas mercar area? De verdade?" Entón ocorréuseme que podía usar as miniboliñas de porespán que veñen nos bonecos e coxíns eses de licra, tipo relax, pero lembro unha vez que a Z era pequena e cortou un deses bonecos, o pesadelo que eran as boliñas para recollelas: cargábanse de electricidade estática e pegábanse a todo! Vinme intentando metelas por un burato de tea e pensei que igual se me ocorría algún outro sustituto co que non toleara.

Xa xuntara cousas pola casa todo o día, e entón veume a iluminación: arroz!

vexo vexo diante

É prácticamente igual que as perliñas de plástico do tutorial de Homemade by Jill. Seguramente cunha consistencia e un peso semellantes. Usei o plástico dun paquete de sabas para a fiestra, posto dobre, que non me parecía moi resistente, por se acaso. No primeiro saquiño fixen a fiestra máis pequena que no orixinal porque me pareceu que así tería algo máis de aquel, se non atoparíase todo moi axiña, logo pensei que podía facer a fiestra aínda máis pequena para aumentar o grao de dificultade, e nótase, eh? A primeira ten 8 cm e a segunda 5.

Usei algo máis dun kilo de arroz para as dúas bolsas, que teñen algo menos de 18 cm de lado, na segunda ademáis fixen un pespunte todo ó redor para reforzala e para que non se notase o peche da abertura por onde metín o arroz e as sorpresas.

Forrei a foto (44 cousas cada bolsa!) con forro de pegar e agora falta que as vaian tachando cun rotulador de pizarra, póñovos as fotos por se axuda a buscar ideas, a maioría son contas deses xogos de facer pulseiras e colares e logo outras cousas pequenas, os animaliños metálicos merqueinos para que non fosen tantas cousas irrecoñecibles, pero son tamén de facer bisutería.

vexo vexo 1

vexo vexo 2

vexo, vexo atrás

Só lles vexo dous fallos: as teas que escollemos non son as máis axeitadas para sobetear nelas, vanse poñer asquerosas en nada de tempo, así que se o facedes corrixide iso nas vosas versións; e dous, non se poden lavar, e o luns, antes de que puideran atopar sequera todas as sorpresas o B. colleu un dos saquiños e meteuno nun balde con auga que non sei de onde saiu :(. Pero démoslle uso á secadora e parece que todo saiu ben... agardo que non abrolle o arroz! E... toco madeira para que o plástico non rompa se imos no coche, glups!

Ás veces non hai como propoñerse algo en serio, na fin de semana quedaron rematadas de principio a fin. E como tivo éxito xa vou xuntando para facer algunha para agasallar nalgún cumpreanos.


martes, 22 de abril de 2014

KCW Día 7: vestidiño de verán

Isto si que o fixen na (fin de) semana da KCW e non me dá tempo de publicalo ata semana e media despois! Ha!

vestidiño verán

Do libro de Happy homemade vol.5 o modelo t, cunha tea que me regalara a avoa Olga hai igual un par de anos xa. É un algodón moi finiño cunhas cores bonitas como pintadas a acuarela, e que ten uns bordados en dourado e marrón. Merquei un forro de algodón máis fino aínda na última incursión na tenda de teas e foi a tea xustísima. Ademáis armei un pouco de cristo para poñer o forro porque non sabía moi ben como facelo, pero ó final quedou bastante ben, non sendo porque (deime conta cosendo a basta cando xa rematara todo) unhas das costuras laterais quedou cara dentro e outra cara fora O.o

vestidiño verán 2

O que máis me gusta é a parte de atrás coa goma, cómodo e sinxelo de poñer, así non hai que abrochar nada a pesar de non ser de tea de punto. O que menos, a parte dianteira da saia ten forma tanto arriba coma abaixo,... como a tea ten o bordado abaixo non puiden facerlle a forma, así que fíxena só arriba e queda raro, levanta moito por diante... non sei como se solventa isto normalemente en teas con debuxo. Así a todo é moi poñible... eu creo que vai ter éxito no verán, xa vos contarei.

vestidiño verán 3

luns, 14 de abril de 2014

KCW Día 6: camisolas e sudadeira

Por fin algunha foto de roupa para outra persoa! Esta vez algunha das cousiñas que fun facendo para a Z.

A súa camisola galáctica foi feita enteiramente por ela, escolleu o debuxo, eu recortei a plantilla e ela fixo o estarcido e máis a decoración con pegamento purpurina. Inspirouse nunha tatuaxe que viramos unha vez nun programa de televisión onde tatuadores tiñan que retratar ás mascotas, non atopei a imaxe pero lembro que era un can rodeado dun marco moi barroco e cunhas cores bastante rechamantes, algo semellante a isto ). Supoño que aquel tiña un lazo no pescozo, porque xa vedes que a Z lle puxo un ó seu can.

can das galaxias

can das galaxias 2

can das galaxias 3

O único que cambiaría sería poñer o debuxo un chisco máis arriba, pero a camisola quedou moi chula.

Teño foto tamén dunha de flores e puntos... os tonos véxoos máis para o outono, pero as teas son moi fresquiñas.

camisola de flores

A tea de puntos useina nunha camisola no inverno que foi a miña favorita, pero sospeito que non usei agulla de punta redonda e ó pouco comezou a facer minifuradiños nas costuras, desta vez asegureime de utilizar a agulla axeitada, e usei o último retallo que me quedaba para estas mangas, pero na última visita á tenda de retallos había un anaco desta tea de novo e volvina coller.

CAMISOLA

E por último unha sudadeira. Usei parte dun chaleque raro que utilizara para facerllle uns pantalóns curtos no verán pasado. A parte de enriba quedara sen usar e pensei que podía "completala". Como non atopaba tea de sudadeira sacrifiquei uns pantalóns de chándal que apenas usaba porque se mancharan e a mancha non saíra, e porque non tiñan petos.

sudadeira

sudadeira

Sempre peco do mesmo, teño medo de que me queden as cousas pequenas e logo sáenme unhas mangas coma estas :-/ (aínda que aquí está esaxerando un pouco o fallo, eh?). Estou pensando se darlles unha volta, ou se descoser os puños e cortarlles un anaco do longo... polo demáis gústame o aspecto con eses triángulos dianteiros e a cremalleira cosida coa tea sen rematar, por certo, tiña mercada unha cremalleira na mercería, e logo fun á feira e nun posto atopei estoutra que é moito máis bonita con ese tirador.

cremalleira

Onte deume tempo a facer un vestidiño moi de verán, a ver se volo amoso logo como remate da KCW

venres, 11 de abril de 2014

KCW Día 5: camisola espacial (con unicornio)

Prometo que non estou a facer só cousas para a L, pero é a que máis se presta a probalas, así que das outras non hai fotos aínda, pero se non é agora xa volas amosarei máis adiante, cando as poña a Z.

Estas eran dúas camisolas que eu pensaba facer seguindo este tutorial, pero pareceume que ás Tartarouchas ía molarlles o de pintarraxear, así que eu preparei o primeiro paso da lixivia e logo elas fixeron o resto en cadansúa camisola. O resultado: pasámolo ben as tres, as camisolas son máis semellantes ás mercadas, facelas elas agardo que faga que lles gusten e que queiran repetir, e o produto final non é como eu agardaba pero a elas encantoulles, así que chitón.

Hoxe vai só a da L., para a tea escollín un polo tamén reutilizado da mega-limpeza de armario de meus irmáns e xa descubrín que o efeto da pintura sobre ese tipo de tea non é tan nítido coma na tea de camisola. Merquei pinturas de tea de distintas cores e logo nunha papelería vin unhas purpurinas e pegamento-purpurina e collinos para usar noutro proxecto diferente, pero elas viron todo na mesma bolsa e xa non houbo quen lles dixera que "menos é máis".

galaxia

Na da L. fixen o efeto lixivia só na dianteira, para a próxima creo que o farei en todo, como fixen na da Z. e vai haber unha vindeira seguro porque me encantou o aspecto que lle dá e faise rápido e sinxelo, ata nunha camisola lisa mercada.

Logo de facer a galaxia houbo pegamento purpurina, estarcido de unicornio en branco, co corno en moitas cores e.... todo bañado en purpurina. Nas dúas cores de purpurina que mercara. Houbo que utilizar TO-DO
:D

unicornio3

unicornio2

A camisola fíxena co tutorial de by Brienne de novo, como a do outro día, pero cambiando algunhas cousas: por diante fíxena recta aproveitando a costura da camisola no baixo, ademáis así ó non haber tanta diferenza entre a parte de diante e a de atrás podería ser só algo máis longa por atrás. E xa non a caguei nas mangas :P

Anda que non quedou chula nin nada!

unicornio1


xoves, 10 de abril de 2014

KCW Día 4: Vestido de animais

Tiña esta tea dende hai anos gardada, regalárama miña nai dun retallo e a idea era facerlle con ela un vestido á L cando tiña dous aniños e estaba en plena fase de vestidos, pero fíxenlle un e pasoulle a febre e apenas o puxo, así que non lle fixen máis. Agora ó pensar en facer roupa para o verán lembreime dela, saqueina para fora e en canto a L. a viu dixo que quería un vestido con ela, esperemos que agora si o use.

vestido animais

vestido animais 2

O patrón é do libro Happy homemade vol.2 o modelo r na talla 120cm, e coma sempre non puido sair perfecto:

A tea era unha tira longa e estreita, tiña catro repeticións do debuxo, pero quería intentar que quedase polo menos un panel enteiro por se o aproveitaba para outra cousa, así que estiven a darlle voltas e voltas á tea e ó final metín a zoca cortando e non tiña onde cortar as vistas dos tirantes para que fosen todas azuis, fastidioume un pouco, pero autoconvencinme de que ía ir por dentro e non se ía ver, peor entón cosín a parte traseira do canesú e os tirantes e puxen os volantes ó revés, así que o pedaciño de elefante rosa xa non estaba por dentro. Puiden descoselos e volvelos coser, pero a ela íalle dar igual, e a min non me sobra o tempo, se o descosía perdería o traballo da tarde e posiblemente tardaría outro día máis en rematalo, así que quedou así. 
Pediume que lle subira un pouco máis a basta e non o fixen pensando en que no verán seguramente lle fará falla, pero agora estouno repensando e creo que teño que subirlla se quero que o poña, logo xa lla baixarei se é necesario.

vestido animais botón

Os botóns, escollidos tamén por ela dos que había na casa, son os que tiña a saia que reutilicei para a camisola que vos amosei o outro día, e quédanlle xenial, a verdade.

Veremos o resultado que dá a tea, que era para cortiñas, edredóns e esas cousas (non sei o nome das teas, necesito un cursiño intensivo nisto, e non se aprende por internet sen poder tocalas).

Tiña pensado facer outro vestido máis, pero aínda teño a tea sen cortar sequera, así que non sei se me dará tempo nesta semana, en calquera caso, se o fago, xa volo amosarei.

mércores, 9 de abril de 2014

KCWC Día 3: decorando con ceras

Vímolo no blogue de Yolanda, Pandielleando, e ó día seguinte estabámolo facendo, en media horiña antes da cea decoramos unha camisola e un pantalón.

ceras

pantalón ceras

Aprendemos que é mellor facer debuxos grandes, xa que as estrelas non quedaon moi definidas e tivemos que repasar cun rotulador de tea os contornos. E ademáis que é mellor que as ceras queden máis espalladas, nas estrelas hai demasiada concentración de ceras e o debuxo queda máis teso e cuartéase.

pantalón ceras2

pantalón ceras3

Corriximos ademáis unha estrela cuns ronseis tamén co rotulador, xa que algunhas faragulliñas saíronse da plantilla que fixeramos cun xornal.

Aínda nos falta por ver como resisten os lavados, pero as nenas pasaron un bo rato, non serán as únicas que fagamos así, seguro.

martes, 8 de abril de 2014

KCWC día 2: Unha camisola-vestido

Para esta camisola reutilicei unha camisola vella de meu irmán para a traseira ee as mangas e unha saia de miña sogra cun estampado precioso para a dianteira. Quería reproducir o efecto dunha camisola que tiña a L o ano pasado e que lle sentaba moi ben, máis longa por atrás, así que utilicei este tutorial de by Brienne, pero non quería que fose máis curta por diante porque se non temía que cando chegase o verán xa non lle valese, así que deixei a parte dianteira con forma, pero á altura normal da camisola, iso fai que toda a camisola se convirta nun semivestidiño. (Por certo, a prancha dá a curva perfeta!).

camisola vestido4

camisola vestido2 

camisola vestido3

Tiven un problemiña coa basta na parte de atrás porque nos deu xusto o longo da camisola, e a idea era coser as bastas e máis o pescozo, pero quixen facer as mangas con eses fruncidiños improvisando.

camisola vestido1

Algunha vez xa as tiña feito e cortaba a manga toda máis ancha, pero quería que quedase apretada no "puño" así que ocorréuseme que se a cortaba máis ancha arriba e coa anchura normal no puño quedaría como eu quería... MEC!!! Erro! O que conseguín foi un precioso e marcadísimo ángulo na parte do puño que logo tiven que recortar, así que quedei sen tea para facerlle o dobladillo e decidín deixar todos os bordes sen rematar, pescozo incluído.

camisola vestido5

Vedes ese piquiño no puño da manga? Pois iso é un resquicio do meu mega-ángulo... así que con esta camisola aprendín como non se fai unha manga fruncida :)

luns, 7 de abril de 2014

KCWC día 1: Gardapixamas

Esta semana é a Kids Clothes Week Challenge; o desafó para coser roupa para os peques, suponse que consiste en adicar unha hora ó día en coser para os pequenos da casa, pero agora mesmo é totalmente inviable que eu consiga sacar unha hora ó día para coser, así que todo é mentira agás que o cosín eu, comecei hai un mes ou por aí e teño algunha cousiña feita e outras aínda por rematar.
A idea é ir cosendo roupa de verán, porque sei que nos chega a primavera de golpe e as Tartarouchas queren poñerse en manga curta e pantalón curto en canto hai unha raioliña de sol, así que se non o temos feito  acabamos mercándoo, que é moito máis rápido, así que o que estou intentando facer, xa que o tempo nos axuda é ser previsora.

O de hoxe é unha excepción, porque nin sequera é roupa e porque o fixen antes do entroido! Pero como non volo amosara e como é para as nenas da casa, pois creo que pode colar :P

Algo que nunca pensara ter e que resultou ser moi útil cando nolo agasallaron foron uns gardapixamas. Xa que as camas non se fan a miúdo (e menos na voráxine pre-colexio polas mañás) valeron para que as Tartarouchas deixaran os seus pixamas gardados nas ras que facían de gardapixamas, pero dende hai un tempo os pixamas medraron e as ras non o fixeron con eles, así que non collían dentro e tiñan a escusa perfeta para deixar os pixamas tirados.

Entón no blogue de Elsie Marley apareceu esta entrada e TIVEN que facer uns gardapixamas novos. Necesitabámolos, e ademáis eran taaaaaaan bonitos!

Fun correndo preguntarlles ás nenas que querían. A L. pediu que fixese a Neve, a súa gatiña, e a Z. pediu un tigre (se non é o seu animal favorito, paréceo).

Ó día seguinte fun á feira e nun posto de cousas de mercería atopei xusto o que necesitaba para os enfeites, para o resto usei cousas que tiña pola casa: camisolas vellas, tea de polar dun disfrace da escola, e boata sintética da que usara para renovar o coxín da trona. Ata fixen uns bocetos nun papeliño, cousa rara en min, supoño que en parte porque teño presa por comezar e en parte porque non sei debuxar e porque non quero que o resultado final non se pareza o que vira no papel,...

bocetos

O que si merquei foi a tea de tigre, ainda que pensara facela con tea de camisola laranxa e negra, pasei pola tenda das teas e xa tiñan as teas para entroido, así que non me resistín. Por dentro levan parte dunhas sabas vellas de avións que foran de meus irmáns e estaban case transparentes de tanto uso.

gardapixamas por dentro


Usei boata porque os coxíns ían ser bastante grandes para que collesen os pixamas enteiros de polar que usan no inverno, pero no verán ían quedar desinflados de todo, se lles ponía boata manterían mellor a forma aínda que estivesen baleiros.
Os ollos, narices e boca cosinos sobre as tres capas e na parte traseira fixen un pechado tipo sobre ó que lle puxen un velcro.

gato por atrás
tigre por atrás

Tiña unha especie de minipompóns rosas perfetos para poñerlle a Neve copiando totalmente o que vira, pero a L. dixo que a súa gata non tiña iso, así que non llo puxemos, quedarán para outra cousa, de momento usamos uns pouquiños nesta xirafa.

Aquí están no seu sitio e recheos cos pixamas, con sitio abondo para ilos agachandosegundo vaian medrando...

tigre e gato

E aquí... bueno, xente pasándoo ben :)

gardapixama gato
gardapixama tigre
gardapixamas