Páxinas

mércores, 26 de marzo de 2014

Un coxín rápido

Non sei por que me custa tanto facer coxíns, bótoos en falta, o noso sofá ten o asento moi fondo e sempre temos que poñer coxíns atrás, e vexo eses sofás cheos de coxíns en fotos e resúltanme tan apetecibles... pero nunca me decido a facelos, non sei por que, supoño que será cuestión de propoñelo en serio.

O caso é que o outro día vin que un dos coxíns que xa tiñamos estábase desfacendo... non por fora, xa que a funda debe levar un par de anos ou tres cun burato cada vez máis grande, se non o recheo. As nenas puxéranllelo dentro dunha caixa de cartón xigante ós gatos, pero o certo é que todos se meten na caixa: nenas, neno e gatos. Total que collín unha tea do armaio disposta a facerlle unha funda rápida, e entón pensei que non ía quedar tan gustosa (a funda anterior era dunha tea de punto moi aberto con peliños de cores, non volo podo amosar porque na arroutada que fixen o coxín novo non pensei en facer unha foto do coxín roto). Entón lembreime dunha saia de punto que teño dende hai anos (últimamente non fago máis ca dicir que tal cousa ou tal outra teñen sobre 15 anos, así que non o vou dicir) e que gardei hai pouco nunha limpeza do armario porque me gustaba e dábame mágoa desfacerme dela aínda que non a puxese nunca.

25032014-IMG_8033

Quiteille a goma, cosín con zig-zag coa máquina por un lado, pero non me gustou moito como quedaba, así que polo outro lado busquei entre as las algunha que combinase cos bordados sinxelos que xa traía e fixen unhas cruces. Obriguei ó Moucho a probar o coxín novo e debeulle gustar porque leva dende entón no repousabrazos do sofá onde durme a sesta... ós gatos hóubolles que buscar outro coxín para a súa caixa.

25032014-IMG_8034

O máis gracioso é que como ía ser para os gatos non me preocupei moito polo acabado: dun lado cun cosido, doutro lado outro e, o mellor de todo, xa non é rectangular, agora é trapezoidal, como era a miña saia :D.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

E ti que dis?