Páxinas

mércores, 12 de marzo de 2014

Fun ó cine

E diredes vós: pois vaia cousa!
Xa, pero é que eu facía 8 anos e medio que non ía ó cine ver unha peli "de maiores".  O run-run comezou hai unhas semanas cando unha mamá que acababa de coñecer dixo que quería ter unha tarde libre á semana para desconectar un pouco, dar un paseo, ir cear algures,... de momento tiña libre o mércores da semana seguinte. E a min cando dixo mércores acendéuseme a bombilla CINE e xa non se me apagou. Ó final os seus nenos puxéronse maliños e o plan esfumouse, pero a min quedoume o mono do cine. Como pode ser que, despois de 8 anos e medio sen ir ó cine, de súpeto me entraran esas ganas? Misterios, pero así vos foi.
Dende aquelas pasaron xa un par de meses e eu seguía agardando por ese día para ir ó cine, pero non chegaba, así que a fin de semana pregunteille ó Moucho se o mércores pola tarde tiña posto traballo, e se non tiña, que lle parecía se ía ó cine ver algo. A verdade é que me apetecía ir con el, pero non é moi viable, e con algunha acompañante, pero levo tanto tempo sen ir ó cine, que non tiña moi claro quen podería ter gustos semellantes ós meus... foron pasando os días e chegou o mércores e eu non llo dixera a ninguén, bueno, sí, a unha amiga nunha conversa o día anterior ás once e media da noite... e o mércores era tarde para que se apuntara alguén, sen facer plans, en metade de semana,... a idea inicial era ir pola tarde, pero logo cambiei de idea porque: A) había que levar á Z. a unha actividade e só temos un coche, así que ía estar complicado cadrar horarios; e B) a mesma mamá que iniciou este pulo interno por ir ó cine manifestou que se era logo das sete e media igual podía ir, que me avisaba.

Pero non lle deu tempo.
Aínda podía cambiar de idea e non ir.
(Xa vos dixera que non fora nunca eu soa ó cine? Non? Pois nunca fora eu soa ó cine.)
Pero levaba tanto tempo con esas ganas... e hoxe estaba todo listo xa: fixérame á idea, o papá estaba na casa, o B. non durmira a sesta pola tarde (inintencionadamente, leva varios días facéndoo,... por certo, con 15 meses xa se pasaba a facer só unha sesta? Bah, seguro que os meus fillos si... a ver, centrémonos!) así que sabía que caería rápido durmido,...
Ademáis sempre che pasa o mesmo, déixaste levar pola galvana e non o fas, o que sexa, sabes que non vai pasar nada se non vas e quedas na casa, coma sempre, pero hoxe é O DÍA, tés que ir!

Decidido: vou ir ó cine. Por primeira vez en oito anos e medio. OITO ANOS E MEDIO! E por primeira vez na miña vida irei soa. SOA!

Xa sei que vos parecerá unha parvada, pero púxenme algo nerviosa. Deses nervios parvos da primeira vez, de ter medo de non saber o que vai pasar, ou o que tés que facer exactamente, esa emoción mesturada con inquedanza, sabedes do que vos falo? Pois así estaba eu. Nada grave, o normal.

Cando ía (soa) cara alí no coche ía pensando que era ben parvo estar nerviosa por ir ó cine, non? E como era o meu cerebro capaz de poñer ó resto do meu corpo neste estado, porque fun eu soíña a que me puxen nerviosiña a min mesma. Nin sequera sabía que ía ir ver. Antes facíanse esas cousas: primeiro decidías ir ó cine e logo, segundo o que botasen xa decidías, pero agora (ou no meu agora alo menos) hai tanta información que non son quen de decidir unha película así ó chou, por como soa,... Vendo a carteleira o outro día escollín dun vistazo Philomena, gustoume o cartel (estou tan desconectada que nin sei de que van as películas que botan no cine nin vin trailer ningún), pero logo vin: Drama e lin no subtítulo algo dunha muller que busca ó seu fillo perdido hai nonseicantos anos... non me pegaba nada con ese cartel, pero non quero ir ó cine ver unha peli de nenos perdidos e chorar. Logo estaba a Gravity, que a descartei de primeiras por ser en 3D e porque non me apasionaba moito o tema, a verdade,  e chamoume a atención Monuments Men, pareceume que tiña que ser algo semellante a Ocean's Eleven, entretido, así que decidinme por esa. Pero non puiden quedar aí, logo na casa, quince minutos antes de ir vin que tamén botaban á mesma hora 12 años de esclavitud, pero coa palabra escravitude no título non soaba entretido... Ai, non sabía que facer, mellor vou ver os trailers. Jo, pois xusto as que me parecen máis interesantes son as de Philomena e a da escravitude... E Monuments Men non será demasiado entretida para ir vela ó cine? Que vou ver, Moucho? E Moucho di: esa que dicías tiña boa pinta... Entón tiven unha iluminación: en 3D. Se vou ó cine, polo menos ver algo que non poida ver na casa, non? E ala fun decidida (máis ou menos) a ver Gravity.

E cheguei e asaltáronme máis dúbidas segundo entraba no centro comercial (extínguense os cines): e se hai moita xente no "día barato" e non hai para esa película, cal é a segunda opción? Ía agardando o que me contestaba o vendedor de entradas e... deume a entrada. Ben! Proba superada, non teño que pensar na segunda opción (en serio, cando comezamos a complicarnos a vida desta maneira? Non fago máis que lembrarme daquel programa de Redes: Por qué más es menos?).
Xa que estou no cine, soa, vou coller uns flocos de millo, para que sexa a experiencia completa (e ter algo que facer mentres non comeza a peli, e de paso matar a fame, que vou sen cear e estou esfameada). E da vendedora de flocos de millo ó señor que che rompe á entrada á metade, iupiiiii! Xa estou dentro! Ostrás, nin mirei a sala que era... a ver a entrada? Sala 7...
Señora! - pois comezamos ben! O que me chama, e señora ademáis, é o señor que rompe as entradas - as gafas!
Ah, que as gafas dánas na entrada! Ves? unha desas cousas que non sabes porque é a primeira vez que vas ó cine (ou case). Mira, aí está a sala 8... e aquí a 7. Entro. Oh, pois para ser o día barato hai ben pouca xente, e eu que pensei que igual quedaba sen entrada, ha! Hai (unha pouca) xente da metade para atrás, salpigada por parellas, así que collo a primeira fila baleira que hai diante das ocupadas e séntome (soa) no medio, coas miñas gafas e os meus flocos. As luces están acesas e non poñen nada na pantalla. A xente fala cun volume normal, uns cos outros. Chega un rapaz... que coño! Un rapaz non, un SEÑOR, calvo e de gafas (ale) e séntase na fila de diante da miña, tamén só, e mira para min (mira, outro que vén só ó cine!). Non o coñezo de nada. Ós dous minutos séntase con el unha rapaza (pois non viña só). E cuchichean. (Que raro! E por que falan tan baixiño, se está todo o mundo falando normal? A ver que din?... "bsbsbsbs gravity 3D bsbsbsbs" Non entendo nada, é igual.). Como flocos (Merda! Como non merquei nada de beber? Son os míticos flocos-salgadísimos-para-que-teñas-que-mercar-bebida! Vaime dar a sede no medio da película e vou estar incómoda e non vou ter nada de beber, serei perdilla-novata! Pois agora non saio xa). Unha parella séntase ó meu lado deixando un asento polo medio. Poñen luces ténues e poñen trailers, de 12 años de esclavitud (pois ten boa pinta) e de Ocho apellidos vascos (hahaha, por que son a única que me río? Pois a min faime gracia, apetéceme vela. Mira, ir ó cine dá ganas de ir máis ó cine!). Apagan as luces e sae o título da productora ou o que sexa iso... Ninguén pon as gafas aínda, pois eu tampouco, vou esperar. Oh! É outro trailer, aínda non empeza a película, por iso non poñían as gafas,...  Philomena... vino antes,... pero, esto, non, parece, un, trailer. Glubs, vou mirar a entrada a ver se mirei ben a sala. Joder! Non se ve nada sen luces! Merda! Ai, agora parece que a pantalla proxecta algo de luz... si, sala 7, pois estou ben. Miro á señora do lado e non ten gafas. Os de diante tampouco. Poñeranas cando acabe o trailer este... este trailer tan raro que parece unha película, joder!

- Señora do lado, vós vindes ver esta película?
- Non sei, que película é esta? Nós vimos ver Philomena.
- Ah, pois si, é Philomena, é que eu ía ver gravity e na miña entrada pon sala 7...
- Xa, é que esta é a sala 1.
- Pffffffffffffff, (juajua) Vale. Voume. Grazas. Perdón.

XDDD

E así saín (soa) partíndome o cú de min mesma e meténdome na (agora si) sala 7.

A peli, non estivo mal, o 3D, pois para a vindeira non será un criterio de elección, non a vin normal para comparar, pero non notei demasiado o 3D, non parecía que me atacaban cousas nin nada polo estilo, notábase o relieve, e as gafas comíanlle moito brillo á pelicula. Pero mola ver as pelis no cine, o son, as imaxes xigantes, o ambiente, trabucarte de sala... :D

Quedáronme ganas de volver para ver Philomena (houbo un momento no que case tiña claro que estaba noutra sala e dubidei se quedar nesa... logo pensei que era unha parvada pagar un euro máis polo 3D e non erguerte do sitio :D

Total, que agardo non volver tardar outros oito anos e medio en ir ó cine agora que xa superei con (máis ou menos) éxito a miña primeira vez :D

O mellor de todo foi chegar á casa e dicirlle ó Moucho que se sentara que tiña que contarlle unha cousa, creo que pensou, pola miña mirada de tola e porque case non daba falado da risa, que estaba bébeda ou toleara de verdade, pero logo acabamos os dous chorando coa risa. Aínda teño a cara quente e as orellas rubias de tanto rir.

As Tartarouchas estaban durmidas e, en canto se deitaron, o B. sinalou ó carriño co que imos ó parque estes días de sol, o papá subiuno e quedou durmido en medio paseo polo salón.

Ir ó cine mola. :)

PD: Agora xa sabedes por que cuchicheaba o señor feo, calvo e kjhñvkyhlkjg de diante logo de verme alí soa sentada cos meus flocos de millo e as miñas gafas para o 3D, non? E os moi capullos non me dixeron nada! Alí quedarían cuchicheando e rindo polo baixini. :D

PDII: Tiña este proxecto no forno, e saiu a medio cocer, pero TIÑA que saír hoxe. Xa lle irei dando forma ós poucos. Estreo blogue, a ver para que dá. Benvid@s.

4 comentarios:

  1. Tartaruga!!! que alegría! encantame o teu novo proxecto e ainda que estea a medio cocer, será xenial poder seguirte! un bico!"

    ResponderEliminar
  2. Jeje, cantas primeiras veces nun só día. Noraboa!
    Por certo, a min tampouco me compensa o 3D e en canto ao de ir soa ao cine, en Monforte podes ter unha oportunidade aínda máis extrema: estar soa nunha sala de cine, a min xa me pasou ;)
    A dos apelidos vascos queroa ver eu, ves o próximo mércores?
    Bicos, Tartaruga

    ResponderEliminar
  3. jajaja fixécheme rir un anaco...estoume vendo a min mesma nas túas palabras.Non é que eu xa fóra ao cine non, pero poderíaapsarme algo similar....eu fai 10 anos que non vou!!!! terei que retomar....oou podemos ir xuntas.....eu tampouco fun nunca soa ao cine..... Por certo, encántame que volvas a escribir nun novo blog!!! Bicos!

    ResponderEliminar
  4. Unha primeira vez ben divertida, ja, ja, ja. Únome o clube das que nunca foron o cine soas e das que levan...xa perdín a conta quizais 9 anos sen ir.
    Ah! Mola que volvas a escribir, botábaseche de menos sen blogue.

    Bicos mil!!

    Mari

    ResponderEliminar

E ti que dis?