Páxinas

martes 16 febreiro 2016

4 camisolas = 1 pantalón

Sigo viva! Tranquilos todos :-P

Atarefada coma non estivera nunca, aínda non sei moi ben que foi o que cambiou tanto, pero éche o que hai.


Total, que moito tempo apara coser non tiven, pero investín unha mañá semilibre da fin de semana en facer un pantalón de pixama. Hai tempo que me vexo asfixiada polas cousas que gardo na casa, somos cinco persoas (e tres bichos) pero o certo é que a maior acumuladora son eu sen ningunha clase de dúbida, ási que un día deume o arrebato, merquei o famoso libro da KonMari e púxenme a aplicalo. Estou aínda nelo, a ver se non perdo moito fuelle, de momento xa o agradeceron o meu armario e máis os libros e os papeis, aí andamos. O caso é que resultado da limpeza do armario desfíxenme dos pixamas que máis usaba, que tiñan moitísimos anos e estaban estirados, manchados, e dábanme máis frío ca calor, así que pasei a usar o resto que tiña apartados no caixón para cando se gastaran eses dous de sempre. Total, que moitos deses novos pixamas son só partes de arriba herdadas  e camisetas interiores de desvelle, así que propúxenme facerlles unha parella polo menos. Aproveitando as donacións de camisolas de meus irmáns cortei e cosín e isto foi o que saiu.

4 camisolas = 1 pantalón
4 camisolas = 1 pantalón
4 camisolas = 1 pantalón

A cintura apareceu de casualidade ó abrir un caixón das teas, gardeina logo de aproveitar un pantalón roto para facer outro para algunha das nenas, e xa non me lembraba dela (ehem, nunca me pasara tal cousa, ehem, ehem).

E si, xa vedes que pasou moito tempo e que o cachorro medrou "un chisco" de nada. 

4 camisolas = 1 pantalón

mércores 28 outubro 2015

Volta ás rotinas

Comezou o cole, e con el a volta ós ritmos que a maior parte dos mortais agradecen, pero eu estaba tannnn bennnn no verán. Outros anos sacabe tempo de facer cousas da casa para coser, pero non sei exactamente que é o que se leva os meus minutos este ano, pero non dou sacado nin un só.

Volveron os madrugóns

madrugóns

As coladas diarias 

coladas

Os cambios de armario, con roupa empantanada pola casa adiante

cambio de armarios

As tardes de taxista

taxi

E este fervello

martes

Nunca se me quedaran curtas as horas do día coma neste comezo de curso. E aínda quedan por vir as tardes escuras e os días de chuvia interminables con neno de case 3 anos ó que lle encanta pisar as pozas, que fai que se multiplique o número de coladas.

Sobran uns minutiños cada noite ós que chego desexando sentar un ratiño no sofá co Moucho (e co B. que case nunca dorme) e vexetar poñendo o cerebro en branco.

É posible que nalgún momento atope un oco para volver coser... e tamén é posible que non. Teño un montón de prendas acumuladas para amañar (cambiar cremalleiras, coser buratos, subir baixos,...), varios proxectos comezados e a medio facer, e uns cantos encargos, dos da casa e tamén de fora. E sigo sumando cousas que me gustaría facer na miña cabeza, o bo que ten a miña cabeza é que está tan chea de cousas que xa ela soíña vai facendo limpeza :D

En ratiños de cinco minutos na semana pasada conseguín ir xuntando os materiais e logo ir cosendo os encargos das Tartarouchas: uns estoxos triples. Usei o tutorial de Pandielleando, porque se non chego a velo no seu día non sabería nin como eran os estoxos en cuestión.

triple flores
triple flores
24102015-IMG_7108
triple ceo

En canto consiga volver facer algo digno de amosarse intento conseguir tempo tamén para vir por aquí amosárvolo, mentres tanto, vivide!

venres 18 setembro 2015

Camiña para can

Á volta das vacacións o mes pasado tivemos unha sorpresa das malas e tivemos que despedirnos inesperadamente da nosa Galla. Ou a miña Galla. Bótoa de menos e aínda que non era perfeta, era especial, eu era a súa humana favorita, e ela era a miña cadela preferida.

04072015-IMG_5194Cando estaba tiña claro que non necesitaba un novo can, era abondo coa intendencia diaria dunha familia de cinco humáns máis dous gatos. Pero entón de súpeto faltou, e eu pensaba en volver sair e non me vía saindo eu soa camiñar... as nenas querían un can co que interactuar máis e... pareceu que todos estabamos dacordo en volver ter un cadelo na casa. Logo de falalo entre todos tiñamos decidido que sería femia, mediana, que se levase ben con nenos e gatos, adulta nova e que non se parecese a Sacho nin a Galla, como condicións importantes... logo fomos á protectora e aceptamos levarnos un cachorro en acollida para cumplir o desexo das nenas dun bebé e calmarnos mentres buscabamos a compañeira definitiva, pero a condición de que baixo ningún concepto se quedaría na casa, sería só temporal. Entregáronnos un cachorro de máis ou menos mes e medio que chegou ó albergue sen máis irmáns nin a nai...

ORKI

Seguro que todos sodes máis listos ca min e sabiades que ía acabar quedando. Eu tiña TAN claro que non ía ter can cando Galla faltase, e máis claro aínda que cando tivera un NON ía ser un cachorro, que me crin forte, crin que podería ter un cachorro en acollida como adoitaba facer anos atrás cando estudiaba, e obviamente errei.

O cadeliño (cachorro, macho, e branco e negro, coma Galla) quedouse. Agora chámase Martes.

martes

E Martes apareceu un día deitado na mantiña do B., coma o can de Posie gets cozy e entón tiven unha revelación: imaxinades que teño un can que non come as camas?

martes manta

O día que non sexa un cachorro e confirme que efectivamente non destroza as camas teño grandes ideas en mente, de momento baleirei un par que coxíns apemazados e abrín ben a fibra e xuntei uns restos de teas que había na casa.

Debín pensar un pouco máis antes de facela, pero construíla por partes pareceume máis rápido ca facer un cubo plano e ilo enchendo, e tamén fallei, porque despois tiven que coser á man porque era imposible meter a base na máquina con semellante volume para coser ós laterais. 

Mentres o cosía á man púxeno enriba da mesa e resultou irresistible para outros dous.

camiña para Martes
camiña para Martes

Se a fixera para eles non se había deitar nela, pero non a fixen para eles, fíxena para Martes e entón pasou isto:

camiña para Martes

que prefire deitarse nese estoxo minúsculo dos gatos. XD

Ten fallos, o fondo ten moito volume e escórrese para os laterais, e os lateris non quedaron nin tan altos nin tan consistentes coma eu pensaba, así que non fan moito de paredes coma eu pretendía. De momento vaina usando, así que vou pensando como modificala cando xunte ganas para que funcione como esperaba.

martes

Ía poñer que non teño ganas de coser, pero coido que o máis axeitado é que non teño inspiraciíon, porque cando a teño, fago cousas coma estas aproveitando uns intres mortos cada día.

Non sei se volverei ter a mesma sensación de sair pasear con el, e non sair pasealo, que tiña con Galla, é difícil de explicar, sei que hai cousas que cura o tempo pero tamén que hai bichos que son especiais... e sígoa botando de menos.